28/07/2026
O HOSPITAL PÚBLICO DE VERÍN 🏥REFORZOU O SEU CADRO DE PERSOAL NUN 12,8 % NOS DOUS ÚLTIMOS ANOS E CONTINÚA AMPLIANDO SERVIZOS E INVEST
IMENTO
Hospital Público de Verín continúa reforzando a súa capacidade asistencial durante os dos últimos anos mediante o incremento do seu cadro de persoal, a incorporación de novo equipamento tecnolóxico e a execución de investimentos destinados a mellorar as infraestruturas e a atención sanitaria que reciben os veciños e veciñas da comarca.
Desde 2024, o hospital incrementou o seu cadro de persoal nun 12,8 %, coa creación de 35 novos postos de traballo, ata acadar na actualidade un total de 350 profesionais. Este reforzo permitiu consolidar a capacidade asistencial do centro e seguir avanzando na estabilidade do emprego, xa que tres de cada catro profesionais dispoñen dunha praza estable e o 67 % do persoal conta con praza en propiedade.
No ámbito facultativo, entre os anos 2024 e 2025 incorporáronse 15 novos especialistas, o que supuxo un incremento do 37,5 % do cadro médico. Este reforzo permitiu consolidar especialidades como Anestesioloxía, Cirurxía Xeral, Traumatoloxía ou Medicina Interna, garantindo unha resposta asistencial adecuada ás necesidades da poboación.
O Hospital Público de Verín mantén plenamente operativa a súa actividade asistencial e continúa prestando unha atención sanitaria pública, accesible e de calidade.
No caso dos Servizos de Medicina Interna, Traumatoloxía, Cirurxía Xeral e Dixestiva, Endocrinoloxía, Rehabilitación, Rehabilitación, Radioloxía ou Xinecoloxía o hospital dispón actualmente do 100 % do seu cadro de persoal facultativo. Sirva como exemplo a dotación do Servizo de Medicina Interna que conta na actualidade con oito especialistas con praza en propiedade.
Así mesmo, o hospital continúa prestando asistencia en coidados paliativos e prevé poñer en marcha durante o mes de setembro a actividade de HADO, Hospitalización a Domicilio, reforzando así a carteira de servizos dispoñibles para a cidadanía.
Pola súa banda, os centros de saúde e PAC (punto de atención continuada de todo o Distrito Sanitario continúan situándose entre os mellores de Galicia en canto a dotación de profesionais e tempos de acceso, permitindo ofrecer unha resposta asistencial áxil e adaptada ás necesidades da poboación.
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras reitera o seu compromiso coa mellora continua da sanidade pública, mediante o reforzo dos profesionais, a modernización das infraestruturas e a incorporación de tecnoloxía sanitaria, co obxectivo de seguir ofrecendo unha atención de máxima calidade aos pacientes da comarca de Verín.
Paralelamente ao reforzo dos recursos humanos, o Hospital Público de Verín continúa ampliando a súa carteira de servizos e incorporando tecnoloxía de última xeración.
Durante o último ano instaláronse dous novos ecógrafos para os servizos de Cirurxía Xeral e Dixestiva e Rehabilitación, unha torre de anestesioloxía e un sistema automatizado para a xestión e dispensación de medicamentos no Servizo de Farmacia, actuacións que contribúen a mellorar a seguridade dos procesos asistenciais, incrementar a eficiencia e ofrecer unha atención de maior calidade aos pacientes.
A estas actuacións súmase o novo edificio de Urxencias e Punto de Atención Continuada (PAC), un investimento de preto de cinco millóns de euros que permitiu ampliar en máis de 1.400 metros cadrados as instalacións do hospital, dotándoo dunhas urxencias modernas, amplas e funcionais.
Ademais, a Xunta de Galicia licitará este ano unha nova actuación de mellora por importe de 1,5 millóns de euros, destinada á renovación de instalacións, ao traslado do Hospital de Día de Oncohematoloxía ao espazo das antigas Urxencias e á reforma integral dos aseos das unidades de hospitalización, así como outras instalacións do hospital.
Tamén o pasado ano instalouse un sistema de recollida de augas pluviais nas cubertas do centro e o seu aproveitamento para a rega no Hospital de Verín, asociadas ao proxecto LIFE RESYSTAL da Unión Europea. Esta obra, incluía tamén a renovación do sistema de rega dalgunhas zonas verdes do hospital, coa instalación dun depósito de 75.000 litros de capacidade, que permitirá a protección das zonas verdes en períodos de seca. Este proxecto LIFE RESYSTAL, cofinanciado ao 55% pola Unión Europea, trata de mellorar a resiliencia climática dos sistemas sanitarios.
Na mesma cuberta do centro tamén foi substituída a maquina enfriadora dos sistemas de climatización que contribúe a garantir unha temperatura estable nas instalacións hospitalarias, garantindo as condicións ambientais das areas especialmente sensibles como quirófanos ou laboratorios e mellorando o confort de pacientes e profesionais do hospital.
Cómpre lembrar que a instalación de paneis solares fotovoltaicos e sistemas de acumulación de enerxía nas cubertas do hospital, no seu momento, representaron un importante avance cara a un modelo sanitario máis sostible, eficiente e resiliente. Estes sistemas permiten producir electricidade limpa para autoconsumo, reducir o gasto enerxético e diminuír as emisións de CO₂, contribuíndo aos obxectivos de descarbonización e loita contra o cambio climático.
Seguimos construíndo, entre todos, un Hospital Público de Verín máis forte, máis humano e máis preparado para seguir coidando da saúde da nosa comarca. 💙🏥